Eloy Seijas: «O noso queixo non leva nada químico, unicamente leite, callada e sal»
Queixo Fresco de Sillobre naceu dunha vaca leiteira e converteuse nunha marca referente pola calidade dos seus produtos
Eloy Seijas e a súa muller, Alejandra Romero, son os artífices dun proxecto con moita alma e corazón: Queixos Sillobre, cuxa sede se atopa na parroquia homónima do municipio de Fene (A Coruña). O que comezou cunha vaca que producía moito leite, acabou convertido nun produto que conquistou primeiro á vecindade, e que pouco a pouco foi crecendo e cautivando os padais de propios e alleos.
Queixo Fresco de Sillobre e Requeixo de Sillobre nacen co propósito de poñer en valor un produto local e unha elaboración artesanal. Como xurdiu o proxecto e como evolucionou a queixería desde os seus inicios en 2025 ata hoxe?
Queixo fresco e requeixo Sillobre nacen a raíz dunha vaca que daba moito leite, e co que lle sobraba á cría decidimos facer un queixo coa axuda dunha veciña xa maior, que se dedicou toda a vida a elaboración de queixo fresco. Ensinounos como se facía e logo empezamos a facerlle algún queixo a parentes e veciños, e ó pouco tempo xa tivemos que comprar unha vaca de leite porque tiñamos moita demanda de queixo. Semella que gustou moito.
Aínda así seguíamos cos nosos traballos ata que un día se puxo en contacto con nós un carniceiro e propúxonos vender o noso queixo na súa carnicería. Estudamos o proxecto e vímolo viable, entón xa compramos as vacas jersey e fixemos un obrador con todos os requisitos sanitarios e licencias necesarias para obter un rexistro sanitario. Púxose ó frente da queixería Alejandra e eu atendía a gandaría.
A demanda foi crecendo ó pouco tempo, puxéronse en contacto con nós moitas tendas e cooperativas, panaderías e xente particular para comercializar e comprar o noso queixo e requeixo.
Hoxe en día estamos os dous ó frente do negocio e temos unha ampla clientela en toda a comarca de Ferrolterra. Ademais, tamén facemos todas as feiras que podemos, gústanos moito o trato directo co cliente, son como da familia!
«Estudamos o proxecto e vímolo viable, entón xa compramos as vacas jersey e fixemos un obrador con todos os requisitos sanitarios e licencias»
O queixo fresco e o requeixo son produtos moi ligados á tradición gastronómica galega. Que importancia ten manter esa esencia e apostar por unha elaboración natural, sen aditivos engadidos e cunha frescura que permite que o produto chegue ao consumidor en menos de doce horas?
O noso éxito baséase en ofrecer un produto natural, con sabor, e o máis importante, sen aditivos, hoxe en día hai moi poucas cousas que non leven algún químico, xa señan correctores de acidez, conservantes, estabilizadores….
O noso queixo non leva nada químico, unicamente leite, callada e sal. E ten unha frescura inigualable, xa que os facemos sobre as 20:00 horas e ao día seguinte, ás 09:00 da mañá, xa empezamos a repartilos.
O requeixo seguímolo facendo de forma tradicional, escurrido en saco e envasado un a un manualmente. Iso nótase moito porque o requeixo comercial que hai por aí é como o iogur. O noso leva o gromo, que é o que realmente lle da o sabor ó requeixo.
A Feira do Queixo de Sillobre nace da colaboración entre a queixería e a Sociedade Cultural Recreativa Agarimo para promocionar o produto local. Como xurdiu a iniciativa e que importancia ten implicar o tecido asociativo na dinamización económica e social da parroquia?
A Feira do Queixo de Sillobre foi unha idea que lle propuxemos á Sociedade Cultural Recreativa Agarimo porque temos un sitio privilexiado en Sillobre para facer calquer tipo de evento, sexa no adro da igrexa ou se viñera un día de choiva, no interior do local de Agarimo.
Ademais de dinamizar o pobo, tamén o queixo e o produto artesán e de proximodade, tanto o noso como todos os postos que veñen á feira.
Estas iniciativas danlle moita vida ós pobos, son un pilar fundamental e que debemos conservar, aínda que hai moito traballo detrás. É unha satisfacción o día que se celebra ver toda a xente alí.
«O noso éxito baséase en ofrecer un produto natural, con sabor, e o máis importante, sen aditivos»
Eventos como o Circuito TUR 43 Galicia Calidade, patrocinado pola Deputación da Coruña no marco da campaña A Paisaxe que Sabe, contribúen a dar visibilidade aos produtores da provincia e a poñer en valor os produtos de proximidade. Que importancia teñen este tipo de iniciativas para dar a coñecer o voso traballo e que papel poden desempeñar as feiras gastronómicas na promoción do produto local e na dinamización do territorio?
Todo o que seña dar visibilidade aos produtos de calidade diferenciada que temos na comunidade está ben. Galicia ten moito potencial e debemos aproveitalo.
«Galicia ten moito potencial e debemos aproveitalo»

A gastronomía galega está a gañar protagonismo como atractivo turístico e como elemento de identidade do territorio. Que oportunidades ofrece esta tendencia para proxectos coma o voso?
A gastronomía galega é a mellor. Eu estiven por toda España e asegúroche que coma no norte non se come en ningún sitio. En Galicia é un plus.
Somos de fartura! Temos a mellor materia prima de España e as mellores receitas que nos deixaron os nosos antepasados. E toda esa combinación fai que Galicia sexa a mellor comunidade para comer ben, beber ben e desfrutar das mellores paisaxes.
José Antonio Fernández: «Empanadas Ternura elabora receitas novas con sabor antigo»
Queixo Fresco de Sillobre naceu dunha vaca leiteira e converteuse nunha marca referente pola calidade dos seus produtos Eloy Seijas e a súa muller, Alejandra…
AGACA reúne en Santiago a mujeres referentes del cooperativismo agroalimentario para impulsar la igualdad y el liderazgo femenino
Queixo Fresco de Sillobre naceu dunha vaca leiteira e converteuse nunha marca referente pola calidade dos seus produtos Eloy Seijas e a súa muller, Alejandra…
La artesanía alimentaria, una vía para generar valor añadido y nuevas oportunidades en el rural gallego
Queixo Fresco de Sillobre naceu dunha vaca leiteira e converteuse nunha marca referente pola calidade dos seus produtos Eloy Seijas e a súa muller, Alejandra…