Inicio › Pesca › Diego Rojas: «En Galicia hai moi boas conservas e unha tradición da que todos aprendemos»
Categorías Pesca

Diego Rojas: «En Galicia hai moi boas conservas e unha tradición da que todos aprendemos»

Foto por Cedida
Por Lidia Fernández 26 de octubre de 2026

A Conserveira combina tradición e innovación nas súas elaboracións e aposta pola calidade para reforzar o recoñecemento das conservas galegas

Diego Rojas, novo director comercial de A Conserveira, reivindica o valor da tradición conserveira galega e a importancia de coidar a materia prima para ofrecer produtos de calidade. A empresa combina receitas tradicionais e novas elaboracións gourmet, coa mirada posta na apertura a novos mercados e na promoción da riqueza do mar galego.

A Conserveira aposta por poñer en valor a riqueza do mar a través de elaboracións que combinan calidade e tradición. Como naceu o proxecto e como evolucionou a empresa ata consolidarse no sector das conservas gourmet?

    O proxecto nace dunha maneira de entender a conserva: partir dun bo produto e traballalo con coidado, sen perder o vínculo co mar nin co oficio. Co tempo fomos ampliando as elaboracións e dándolle máis espazo a produtos que permiten descubrir outras posibilidades da conserva. Para nós, evolucionar non significa deixar atrás o que sabes facer, senón aproveitar ese coñecemento para seguir avanzando. Queremos que a empresa medre, por suposto, pero que quen abra unha lata siga atopando ese coidado polo produto. Ese é o fío que une os nosos comezos co que facemos hoxe.

    A vosa oferta inclúe diferentes variedades de conservas. Cales son as elaboracións máis representativas de A Conserveira e como adaptades a vosa oferta aos gustos dos consumidores sen renunciar á calidade e á tradición?

    Na nosa oferta conviven conservas moi ligadas á tradición, como os mexillóns en escabeche, as navallas en aceite de oliva ou a xouba de Rianxo, con elaboracións que permiten descubrir outras posibilidades, como as cocochas de pescada en aceite de oliva ou o pulpo á galega con cachelo.

    Esa combinación representa ben o que queremos ofrecer: produtos recoñecibles e tamén propostas que esperten curiosidade. Para nós, adaptarnos aos gustos dos consumidores non significa cambiar por cambiar, senón atopar maneiras de achegar o produto a distintos momentos e formas de desfrutalo.

    Podemos explorar novas preparacións, pero mantendo o esencial: unha materia prima seleccionada, unha elaboración coidada e o respecto polo sabor do peixe e do marisco. Queremos que tanto quen busca unha conserva de sempre como quen se anima a probar algo diferente atope ese mesmo coidado ao abrir a lata.

    «Para nós, adaptarnos aos gustos dos consumidores non significa cambiar por cambiar, senón atopar maneiras de achegar o produto a distintos momentos e formas de desfrutalo»

    Galicia conta cunha importante tradición conserveira. Que diferencia os vosos produtos doutras conservas do mercado e que importancia teñen a selección da materia prima, as artes de pesca tradicionais e os procesos de elaboración artesanal para garantir a súa calidade?

    En Galicia hai moi boas conservas e unha tradición da que todos aprendemos. Nós non entendemos a diferenza como dicir que somos mellores ca ninguén, senón como ter unha manera propia de facer as cousas. No noso caso, a selección da materia prima e o envasado a man, peza a peza, son fundamentais.

    A calidade empeza antes de chegar á fábrica: importa a orixe, o momento da captura e como se trata o produto. Por iso ten sentido respectar as campañas e poñer en valor artes tradicionais como o xeito na xouba de Rianxo. Despois, na elaboración, hai que saber acompañar esa materia prima, non tapala. O traballo artesanal permite prestar atención a cada peza e á presentación, pero non é só unha cuestión de que a lata quede bonita: queremos que, ao probala, se recoñeza o que hai dentro.

    «No noso caso, a selección da materia prima e o envasado a man, peza a peza, son fundamentais»

    Que importancia teñen iniciativas como o Circuíto TUR 43 Galicia Calidade, patrocinado pola Deputación da Coruña no marco da campaña A Paisaxe que Sabe, para dar a coñecer a produción local e apoiar empresas da provincia que poñen en valor os produtos de calidade?

    Para nós, estas iniciativas teñen valor porque permiten algo moi directo: que a xente coñeza o produto e entenda mellor o que hai detrás. Eventos como o Circuíto TUR 43 Galicia Calidade ofrecen unha oportunidade para achegar os nosos produtos a persoas que quizais aínda non nos coñecen, nun contexto no que a gastronomía forma parte da experiencia. E a campaña A Paisaxe que Sabe ten algo co que nos sentimos identificados: relacionar o que comemos co lugar do que vén. Non falamos só dunha lata, senón tamén do mar, do ofício e das empresas que traballamos aquí.

    «A calidade empeza antes de chegar á fábrica: importa a orixe, o momento da captura e como se trata o produto»

    O sector conserveiro afronta retos como a dispoñibilidade de materia prima, o aumento dos custos e a necesidade de chegar a novos mercados. Como afrontades estes desafíos e que obxectivos vos marcades para seguir medrando e reforzar o recoñecemento das conservas galegas?

    Son retos que obrigan a pensar moi ben cada paso. Traballamos cunha materia prima que depende do mar e das campañas, así que non se pode dar por feito que sempre vai haber a mesma dispoñibilidade. A nosa prioridade é que medrar non nos leve a perder aquilo polo que queremos que se nos recoñeza.

    Queremos chegar a máis persoas e abrir oportunidades en novos mercados, pero cun crecemento que poidamos asumir e que conserve a nosa maneira de traballar. Tamén cremos que temos que explicar mellor o valor dunha boa conserva: detrás do prezo hai materia prima, selección, tempo e oficio. Se conseguimos que iso se entenda, estaremos reforzando non só a nosa marca, senón tamén o recoñecemento da conserva galega.

    Artículos relacionados
    Lácteos26 de octubre de 2026
    Eloy Seijas: «O noso queixo non leva nada químico, unicamente leite, callada e sal»

    A Conserveira combina tradición e innovación nas súas elaboracións e aposta pola calidade para reforzar o recoñecemento das conservas galegas Diego Rojas, novo director comercial…

    Carne22 de octubre de 2026
    José Antonio Fernández: «Empanadas Ternura elabora receitas novas con sabor antigo»

    A Conserveira combina tradición e innovación nas súas elaboracións e aposta pola calidade para reforzar o recoñecemento das conservas galegas Diego Rojas, novo director comercial…

    Destacados20 de octubre de 2026
    AGACA reúne en Santiago a mujeres referentes del cooperativismo agroalimentario para impulsar la igualdad y el liderazgo femenino

    A Conserveira combina tradición e innovación nas súas elaboracións e aposta pola calidade para reforzar o recoñecemento das conservas galegas Diego Rojas, novo director comercial…


    Logo Nutradit
    Resumen de privacidad

    Este sitio web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuaria/o posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestro web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de este sitio web encuentras más interesantes y útiles.