Josefa María Durán: “A xente que proba o noso mel repite pola súa calidade e pureza”

A responsable de Mel de Monfero destaca a calidade do seu mel artesanal e os retos da apicultura ante a velutina e o cambio climático
Con 400 colmeas repartidas polo contorno do Parque Natural das Fragas do Eume, a firma artesanal Mel de Monfero colleita o sabor único do sotobosque atlántico. A súa propietaria, Josefa María Durán, xunto co seu marido, Manuel Fernández, manteñen viva unha produción limitada e recoñecida co selo I.X.P. Mel de Galicia e varios premios nas Catas de Galicia. A pesar dos retos que impón o avance da velutina e o cambio climático, Mel de Monfero aposta polo valor do produto local de calidade que contribúe a manter vivo o medio rural.
Como é o proceso de elaboración e a traxectoria de Mel de Monfero dentro da I.X.P. Mel de Galicia?
Actualmente contamos cunhas 400 colmeas. Estamos integrados na I.X.P. Mel de Galicia porque compramos Mel de Monfero hai uns 15 anos á anterior propietaria cando se xubilou; levaba xa dous anos sen comercializarse e buscamos clientes novos. O meu marido é orixinario de Monfero, e como a marca xa estaba inscrita na I.X.P., mantivemos o selo de calidade. De feito, a miña formación apícola comezou na Casa do Mel nas Pontes, unha asociación da que tamén somos socios e onde ofrecen unha formación de moita calidade para traballar no sector. As nosas colmeas están distribuídas por todo o concello de Monfero: dende a zona do Parque Natural das Fragas do Eume ata a parroquia de Santa Xiá. O proceso é 100% natural: nós simplemente extraemos o mel e tratamos de que o traballo que puxo a abella na súa elaboración permaneza intacto, sen manipular as súas propiedades.
“Soemos facer só unha extracción ao ano para respectar os ciclos das abellas”
Que volume de produción alcanzades e cales son as variedades de mel que comercializades?
A nosa produción habitualmente rolda os 1.000 ou 2.000 quilos ao ano, aínda que houbo algún ano excepcional no que chegamos aos 6.000 quilos. Polas características do noso contorno, o normal é que saia un mel multifloral, xa que soemos facer só unha extracción ao ano para respectar os ciclos das abellas. A demanda é tan alta que a produción non nos chega para cubrir todo o mercado.
A apicultura en Galicia enfróntase a retos importantes como a velutina ou os cambios no clima. Como afectan estes factores ao día a día do voso traballo en Mel de Monfero?
Son desafíos moi duros. Este ano a velutina chegou moito antes e a climatoloxía favoreceu a súa cría. Cando a velutina pica con forza, as abellas asústanse e xa non saen á floración; só saen para o básico e para a limpeza da colmea por medo a ser atacadas. Nós esforzámonos a diario, dende a mañá ata a noite, poñendo trampas e mantendo a liña de defensa a raia para protexer as colmeas. É un traballo moi esixente no que ás veces te sentes un pouco só, xa que se necesitaría moita máis coordinación e colaboración colectiva entre todos os apicultores para combater a praga de xeito máis eficaz.
Como distribuídes actualmente o Mel de Monfero e en que puntos se pode atopar o voso produto?
Centramos a venda no comercio local de proximidade e tendas especializadas da nosa zona: cubrimos a área de Ferrol, Fene, Pontedeume, Betanzos, Miño e cooperativas agrícolas como as de Meirás ou Cusoviame. Non necesitamos venda online porque a produción esgótase rapidamente nas tendas e nas feiras locais ás que acudimos. A acollida do público é excelente e a xente que proba o noso mel repite pola súa calidade e pureza.
“A Deputación da Coruña está a facer un traballo inmenso polos pequenos produtores do rural”
Como valorades o impulso de iniciativas de promoción gastronómica da Deputación da Coruña como a campaña A Paisaxe que Sabe, presente no Circuíto TUR 43 Galicia Calidade, para apoiar aos produtores do rural?
Valorámolo de xeito moi positivo. A Deputación da Coruña está a facer un traballo inmenso polos pequenos produtores do rural. Tivemos a experiencia de participar a través das súas accións en eventos como o Festival de la Luz e a resposta foi extraordinaria: vendeuse unha cantidade de mel impresionante e o público mostrou un interese enorme pola gastronomía e os produtos de calidade da nosa provincia. Este tipo de campañas son clave para achegar o noso traballo á cidadanía.
Mel de Monfero conta con varios premios que avalan a súa calidade. Que supoñen estes galardóns para o voso proxecto?
Para nós é unha satisfacción moi grande e unha confirmación da calidade do produto. Ao longo destes anos colleitamos varios recoñecementos nas Catas de Galicia: fomos Premio Bronce, Premio Ouro e tamén acadamos un primeiro posto con distinción de cinco estrelas. Estes premios axudan moito a dar a coñecer a calidade do mel que se produce en Monfero.

Nando López: «Defendemos un modelo de produción ligado á terra, á economía local e á nosa identidade»
A responsable de Mel de Monfero destaca a calidade do seu mel artesanal e os retos da apicultura ante a velutina e o cambio climático…

Eloy Seijas: «O noso queixo non leva nada químico, unicamente leite, callada e sal»
A responsable de Mel de Monfero destaca a calidade do seu mel artesanal e os retos da apicultura ante a velutina e o cambio climático…

Diego Rojas: «En Galicia hai moi boas conservas e unha tradición da que todos aprendemos»
A responsable de Mel de Monfero destaca a calidade do seu mel artesanal e os retos da apicultura ante a velutina e o cambio climático…
